Aviso: mudamos a guindastre.arkipelagos.net

5 Febreiro 2010

Grazas á axuda dos Trebelabs e Promathea temos unha nova web mais completiña e ao noso gusto, que permítanos ser máis  independentes usando ferramentas libres.

—>>   http://guindastre.arkipelagos.net <<—


Chuzame! A Facebook A Twitter

Domingo 13 de xuño: Roteiro polo Monte Alba

5 Maio 2010

Coñécese co nome de Monte Alba ao conxunto montañoso que se alza na confluencia do límite das parroquias de Valadares (Vigo), Vincios (Gondomar) e Chandebrito (Nigrán). Superando os 500 m de altitude, é a segunda serra máis alta da contorna de Vigo, só superada polo veciño Galiñeiro. Ocupa unha posición moi destacada sobre o Val do Fragoso, o cal fai a estes montes ben recoñecíbeis dende moitos puntos de Vigo.

O roteiro que propoñemos partirá e rematará xunto ao Castro de Chan de Brito, recentemente escavado e que visitaremos antes de comezar. A carón do castro atópase o Muíño das Chans, coñecido pola característica levada de pedra que lle aporta a auga da presa da Lapela. Dende este punto o percorrido abordará tódolos cumios principais da serra, destacando o Alto do Canaval (505 m), o Alto do Cepudo (527) e o Cerro de San Bartolomeu (503 m) onde se atopa a Ermida do Alba no antigo emprazamento do castelo dos Valadares, construído á súa vez sobre un outro castro. A seguir iremos deica o Monte dos Pozos (387 m) para regresar a Chan de Brito pasando pola aldea do Freixo e polo antigo vertedoiro do Zondal, onde observaremos in situ a problemática ambiental que esta instalación aínda segue a xerar.

Daquela, para ver todo isto con tempo, contamos con estar ás 10 no Muíño das Chans (enriba do Barrio da Igrexa de Chan de Brito e detrás do outeiro do Castro).

  • Distancia: 13.300 m
  • Desnivel máximo a superar: 243 m
  • Duración aproximada: 5 h
  • Tipo de terreo: pistas de terra, sendas e moi pouco asfalto

Chuzame! A Facebook A Twitter

22 de Abril: Xornada de Solidariedade co Povo Saharauí

19 Abril 2010

Chuzame! A Facebook A Twitter

Domingo 11 de abril: Val do Río Eifonso

1 Abril 2010

O río Eifonso, ten o seu nacemento en Bembrive, á beira do campus universitario. Dende este punto deica a súa desembocadura no Lagares en Sárdoma, o val que forma o Eifonso é recoñecido coma un dos espazos naturais máis especiais de Vigo, sobre todo no seu curso alto, onde o río atravesa unha fonda carballeira. Malia ter que sobrevivir afogada baixo a autoestrada que a partiu en dous e invadida polos eucaliptais, a fraga do Eifonso continúa a abraiar a quen a coñece pola vez primeira, sobre todo preguntándo

se como é que pode existir tal bosque a só uns minutos da cidade.

A nosa idea para a ocasión será descer polo roteiro marcado
(PR-G 5 da rede galega de roteiros) que percorre a beira do río dende o Parque Forestal de Beade deica o lugar de Mourelle en Bembrive. Polo camiño destaca a visita á aldea abandonada da Fraga. E a seguir, subiremos de novo para acadar os dous montes que se erguen a cada aba do val: o Monte da Pedra da Cruz (514 m) na beira de Bembrive (onde visitaremos algunhas das mámoas do lugar das Pereiras) e o Monte da Pedra Cabalaria (501 m) na beira de Beade.

Daquela, desta volta vémonos as 10:30 no Parque Forestal de Beade, onde tamén remataremos pola tarde.

  • Distancia: 13.700 m
  • Desnivel máximo a superar: 390 m
  • Duración aproximada: 4,5 h
  • Tipo de terreo: pistas de terra; sendas

Chuzame! A Facebook A Twitter

CEN ANOS LOITANDO, CEN ANOS CREANDO

5 Marzo 2010

8 de Marzo

Día Internacional

das Mulleres

Durante a II Conferencia Internacional das Mulleres Socialistas, celebrada en København, en agosto do ano 1910, Clara Zetkin conseguiu que se aprobase a Celebración do Día Internacional da Muller, data que se consolidou posteriormente no día 8 de marzo.

Durante estes cen anos, o 8 de marzo serviu para visibilizar as loitas e as demandas feministas, loitas pacíficas que significaron importantes avances na vida de millóns de mulleres, creando novas formas de pensamento e acción, propoñendo e construíndo un novo modelo de relacións sociais.

Mais, cen anos despois, as mulleres seguimos tendo que reivindicar o evidente.

No ano do centenario do 8 de marzo, as mulleres da Marcha Mundial das Mulleres dos cinco continentes, facemos un chamamento a “marchar” para demostrar a nosa perseveranza e a nosa forza colectiva, con distintas experiencias, culturas políticas e orixes étnicas, pero compartindo sempre un obxectivo común: o desexo de superar a inxusta orde actual que provoca a violencia e pobreza, e constituír o mundo que queremos baseado na paz, a xustiza, a liberdade, a igualdade e a solidariedade.

Convócase a toda a cidadanía a participar nos actos que as diferentes coordinadoras comarcais da MMM van realizar en celebración do Día Internacional das Mulleres

Máis información en www.feminismo.info

ACTOS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES na GALIZA

Ourense
Luns, 8 de Marzo
Obradoiro ás 17:30 hrs.
Praza Maior
A Coruña
Luns, 8 de Marzo
Festa de celebración do movemento feminista
de 12:00hrs ás 20:00hrs
Praza das Conchiñas
Vigo
Luns, 8 de Marzo
Manifestación ás 20:00 hrs.
Desde a Praza de Portugal
Compostela
Luns, 8 de Marzo
Manifestación ás 20:30 hrs.
Desde a Praza do Toural
Ferrolterra
Luns, 8 de Marzo
Concentración ás 20:00 hrs.
Cantón de Molíns (Ferrol)
Pontevedra
Luns, 8 de Marzo
Concentración ás 20:30 hrs.
Praza 8 de Marzo


Chuzame! A Facebook A Twitter

Assembleia de Mulheres de Vigo apresenta: Março Feminista

Chuzame! A Facebook A Twitter

Concentraçom anti-repressiva e ceia solidária com os independentistas recentemente detidos Jurjo e Óscar em Vigo

4 Marzo 2010

Convocada concentraçom a sexta feira 5 de Março a partir das 20:00 no bairro de Teis (perante o Centro Comercial Travesia) para esigir mais umha vez a repatriaçom e liberdade para os independentistas presos.

Após, celebrará-se umha ceia de solidariedade no CSA O Guindastre (R/ Julián Estevez, 22, Teis, Vigo)

LIBERDADE PRESOS INDEPENDENTISTAS!

DEFENDER A TERRA NOM É DELITO!

Chuzame! A Facebook A Twitter

Domingo 21: Roteiro polo Maúxo –> Adiamos ao 14 de marzo

16 Febreiro 2010

Como o 21 de febreiro teremos mal tempo abondo,en principio adiamos este roteiro ao 14 de marzo

Se no roteiro anterior nos achegabamos á zona do Vixiador e Monte Penide desta volta imos desprazarnos deica o extremo oposto do arco de montañas que rodea Vigo: os Outeiros do Maúxo, ben característicos porque son os montes que se atopan xusto enriba da zona de praias de Coruxo e Canido.

Co itinerario proposto, entre as igrexas de Coruxo e Chandebrito, poderemos ter unha visión completa de todo este valioso espazo natural, pasando das mestas carballeiras nas abas do monte deica os penedos de granito da zona alta, culminando na ascensión ao Outeiro Grande do Maúxo (456 m).

Non esqueceremos a obrigada visita ao patrimonio prehistórico do Maúxo. Nestes outeiros, sobre todo na cara norte e arredor da aldea de Fragoselo, atópase o maior e mellor conxunto de petróglifos da comarca de Vigo. Aproveitaremos para visitar os máis destacados de entre estes, coma por exemplo a coñecida Pedra da Moura no mesmo Fragoselo.

Daquela, con todo dito, só falta dicir que quedamos ás 10 da mañá xusto na igrexa de Coruxo (e despois baixarase dende Chandebrito para ir buscar os carros de volta para recollernos).

  • Distancia: 14.400 m
  • Desnivel máximo a superar: 410 m
  • Duración aproximada: 5 h
  • Tipo de terreo: pistas de terra

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sábado 6 – Roteiro A Madroa – Monte Penide – O Vixiador

5 Febreiro 2010

Por enriba da Ría de Vigo

A zona de monte que se atopa por enriba de Teis, Chapela, Cedeira ou Candeán seguro que nos é ben coñecida, sobre todo polas vistas espectaculares sobre a Ría de Vigo na zona do Estreito de Rande. Pero o que non é xa tan coñecido e menos valorado é o enorme patrimonio arqueolóxico que estas montañas gardan. Falando de monumentos prehistóricos –mámoas e petróglifos- a zona do Monte Penide é das máis importantes de Galiza.

Propoñemos este roteiro, partindo e chegando á praza da entrada do zoo da Madroa, unindo tres dos cumios máis representativos destes montes: dende o Miradoiro da Madroa (329 m) ao Monte Penide (448 m) tamén coñecido coma San Vicente e por último ao Coto Ferreira (449 m) na parte do Vixiador. Polo camiño visitaremos algúns dos conxuntos de petróglifos catalogados nesta zona: os petróglifos de Poza da Lagoa a área recreativa de Cedeira, os petróglifos da Porteliña ou os petróglifos da Chan da Cruz. E ademais pasaremos pola Chan das Formigas, na parroquia de Trasmañó, nome popular da chaira onde se atopa unha das meirandes concentracións de túmulos megalíticos da Galiza, con case 60 mámoas catalogadas, sendo a máis coñecida delas o dolmen da mámoa do Rei por estar desenterrada.

Resumindo, unha boa ocasión para coñecer a nosa natureza e a nosa (pre-) historia.

  • Distancia: 15.600 m
  • Desnivel máximo a superar: 130 m
  • Duración: 4,5 h
  • Tipo de terreo: pistas de terra (algunha asfaltada)

Poi iso, que quedamos logo este sábado 6 de febreiro ás 10 na entrada do zoo, e alá iremos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

DeLeite: XORNADAS-ENCONTRO-VISIÓNS

14 Xaneiro 2010

DeLeite

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp